|
|
Lorenzo Varela, con tódolos
exilios
Unha vida no
exilio e un retorno silencioso. A figura de Xesús Manuel Lorenzo Varela
pasou case desapercibida para a cultura galega até o pasado 19 de xuño.
Ese día, a Real Academia Galega decidiu, por maioría aínda que non por
unanimidade, dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2005. Intelectual
galeguista, poeta e sempre vinculado ao xornalismo, Varela pertence a esa
xeración de intelectuais do 36 cunha dilatada traxectoria persoal e
profesional marcada pola Guerra Civil e polos sucesivos exilios a unha e
outra beira do Atlántico. Botémoslle unha ollada á súa traxectoria.
![]() |
Fillo de emigrantes de Monterroso (Lugo),
Lorenzo Varela naceu en agosto de 1916 a bordo do barco “La Navarre” cando
entraba na baía de La Habana. O seu nacemento camiño á emigración xa
anticipaba o que sería unha vida de continuas mudanzas. De Cuba a
Arxentina e de Arxentina a Galicia en 1920. De volta a casa, con acento
porteño e co alcume de “o arxentino”, en Lugo comezaría a súa formación
galeguista e republicana baixo o liderazgo de Castelo, Paz Andrade e
Suárez Picallo e tendo como compañeiros de militancia a Fernández del
Riego, Xosé Velo, Celso Emilio Ferreiro, Carvallo Calero e Ramón de
Valenzuela, entre outros.
En 1935 trasládese a Madrid e alí
afianzará o seu compromiso social e cultural. Comeza participando nas
Misións Pedagóxicas e na redacción da revista “PAN (Poetas, Andantes e
Navegantes)”. As tertulias de café cos intelectuais exiliados, a clases de
Filosofía e Letras, as críticas literarias no xornal “Sol” e a militancia
na “Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura”
marcan unha etapa chea de actividade intelectual e política. E cando a
Guerra Civil estoupa, Lorenzo Varela implícase de cheo afiliándose ao
Partido Comunista e escribindo e dirixindo distintos xornais para os
combatentes.
Regreso a Bos Aires
Coa perda da
contenda, o escritor galego vivirá de novo o exilio, primeiro no campo de
concentración de Saint Cyprien, en Francia, e logo en México, onde
consegue retomar o seu traballo literario como codirector das revistas
“Romance” e “Taller”. Pero de novo, a cidade de Bos Aires acaba sendo o
seu refuxio e en 1941 reencóntrase alí con seu pai e cos seus vellos
amigos Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Carmen Muñoz e Rafael Dieste, ao que
logo se lle sumarán intelectuais como Rafael Alberti, Blanco Amor,
Colemeiro e outros exiliados. Será nesta cidade onde a súa produción
literaria e xornalística colla pulo. Colabora nos máis importantes xornais
arxentino do momento, como “Clarín”, “El Mundo”, “La Nación”, e revistas
como “El Hogar”, “Del Arte”, “Sur”, “Primera Plana” ou “Cabalgata”. Un
amplo abano de cabeceiras que se completa coa súa participación no
programa radiofónico “Hora Once” xunta ao fotógrafo Horacio Cóppola.
Na capital arxentina tamén comeza a súa traxectoria poética,
adscrito á xeración do 36 e mesturando a preocupación estética co
compromiso social. En 1944 publica “Catro poemas pra catro grabados”, na
que transforma en versos o álbum de Luís Seoane “María Pita e tres
retratos medievais”. Seguiranlle anos despois as publicacións “Lonxe” e
“Homaxes”. Da súa produción en castelán cabe destacar “Torres de amor” e
numerosos poemas editados en distintas publicacións.
Pero os
avatares político aínda lle tiñan reservado a Lorenzo Varela un último
exilio. A represión política en Arxentina tralo golpe de estado de Videla
en 1976 obriga ao poeta galego e acelerar o seu retorno a España. A súa
terra de orixe acólleo con indiferenza en plena transición democrática.
Como sinala Lois Pérez Leira na Enciclopedia da Emigración Galega, “as
novas xeracións non tiñan ningunha referencia súa, era un auténtico
descoñecido na súa propia terra”. Nesa soidade, contando tan só coa axuda
de antigos amigos e compañeiros como Díaz Pardo, Ramón de Valenzuela e
María Victoria Villaverde, Lorenzo Varela continuará traballando nas súas
traducións e colaboracións xornalísticas até a súa morte na madrugada do
25 de novembro de 1978. Vinteseis anos despois, a cultura galega recupera
a súa figura para darlle o recoñecemento que entón non recibiu.
|