Antón Avilés Vinagre empregou habitualmente o pseudónimo Antón
Avilés de Taramancos.
Nace en Noia en 1935 no seo dunha familia de labregos e mariñeiros do
Porto do Son. Fai estudios de náutica na Coruña e alí coñece algúns mozos
galeguistas de esquerdas (Cribeiro, Xohán Casal, Reimundo Patiño). Logo emigra
a Colombia, país no que vive durante vinte anos desempeñando diversos oficios.
En 1980 regresa a Noia, onde se amosa como un incansable activista social e
mesmo chegará a ocupar o cargo de concelleiro polo Bloque Nacionalista Galego.
Morre en Noia en 1992.
Literariamente pertence á Xeración das Festas Minervais, aínda que
a súa traxectoria é distinta á do resto da xeración.
Comeza moi novo a escribir poesía, facéndoo sempre en galego. O seu
compromiso coa lingua foi rexo dende o comezo.
Colaborou en moitas revistas (Atlántida, Aturuxo, Grial, Dorna, Luzes
de Galiza...), sempre en galego, con poemas e traduccións de Jack Hill e
Saint-John Perse.
A súa obra:
As moradías do vento
(1955). Grupo de poemas que aparece nunha
separata da revista en castelán Atlántida, que publicaba os textos
poéticos en galego e castelán.
A flauta i o garamelo
(1959). O seu primeiro libro, escrito en Ferrol
mentres facía o servicio militar.
Pequeno conto
, gañador do Premio da Colección Brais Pinto. No seu
momento non se puido publicar.
Poemas a Fina Barrios
(1961). Libro inédito ata 1982.
Poemas soltos a Maricarme Pereira
(1961). Libro inédito ata
1982.
Os poemas da ausencia
(1961-1981). Este libro se subdivide en tres
poemarios: "Os poemas da ausencia. Primeira Parte", "Os poemas da ausencia.
Segunda Parte" e "Nova crónica de Ulises". Algúns dos textos que aparecen
nestes dous últimos poemarios xa viran a luz en revistas (por exemplo,
Grial, 1971).
O tempo no espello
(1982). Neste libro recolle toda a obra en verso
escrita ata ese momento.
Tres capitáns de tempos idos
(1983), texto teatral, representado mais
inédito.
Cantos caucanos
(1985). Premio Nacional da Crítica.
As torres do ar
(1989). Trinta e seis poemas artellados en tres
partes: "Cantos a carón da terra" (textos sobre a natureza), "O cántico das
naves" e "A torre secreta" (textos de amor).
Nova crónica de Indias
(1989). En prosa.
Última fuxida a Harar
(1992). Publicado despois do seu finamento, foi
galardoado co Premio da Crítica Galega 1993. Este libro, escrito nos
derradeiros días da súa vida, naceu baixo o latexo do seu pasamento, polo que
é dalgún xeito o seu testamento poético.
Obra viva
(1992), ensaio. Escolma de textos aparecidos nos xornais ao
coidado de Ana González Vázquez.
A súa traxectoria poética amosa ás claras dúas etapas:
A primeira(1955-1961) está formada por poemarios escritos antes da
súa marcha a Colombia. Son textos clasicistas, vitalistas e requintados, que
chegan a asemellarse, especialmente os últimos, á poesía de Álvaro
Cunqueiro.
A segunda etapa (1963-1992) abrangue toda a producción da emigración
(experiencia que marca nidiamente a vida e a obra do escritor) e da súa volta
a Galicia. Os textos desta etapa artéllanse arredor de dous eixos principais:
As impresións fondas e emotivas que lle deixan a paisaxe amazónica,
caracterizada pola súa vizosidade e exotismo, tradúcense nunha producción
sensorialmente vigorosa, descritiva e evocadora, inzada de americanismos,
con versos de corte nerudiano.
Os referentes míticos: nesta etapa a súa xeira poética alicérzase na
fusión mítica entre a súa propia traxectoria vital (marcada pola viaxe, a
saída da terra á que se arela tornar) e mais a mítica viaxe de Ulises.
Esta metáfora mítica da viaxe de Ulises está a partir de entón moi
presente nas súas obras, facendo unha reelaboración persoal e
significativa deste mito clásico da literatura universal. Itaca vai ser
para o escritor o nome mítico de Galicia.